Unha epopea que relata un ano de permanencia nas montañas do Himalaia, a Morada dos Deuses, da man dos irmáns Martínez Novas. Naquel lugar, nunhas condicións moi precarias e cun estilo de escalada o máis lixeira posible, sen axuda de carrexadores de altura nin de osíxeno embotellado, visitaron oito montañas de máis de oito mil metros (unha delas en época invernal) e conseguiron chegar ó cumio de cinco delas.
Despois dun ano, soportando en moitas ocasións condicións tremendamente duras, regresaron sen secuela física ningunha. Moitos médicos especialistas en montaña dubidaban que fose posible permanecer un ano en altura.
O proxecto co que inicialmente se pretendía alcanzar os 14 cumios máis altos do mundo nun ano non se puido cumprir na súa totalidade. Por unha parte, a falta de medios económicos impediron afrontar desde o inicio o proxecto tal como se tiña concibido, tendo que improvisar moi a miúdo. A iso houbo que engadir unhas condicións atmosféricas especialmente malas ó longo dese ano.
Ademais da visión deportiva, o proxecto tiña outros fins, como os de incidir en aspectos culturais e antropolóxicos e depositar en cada cima unha bandeira en favor da Paz no mundo e da protección do Medio Ambiente.