Cumio do Broad Peak
Diario de montaña
3 agosto (1998)
Amer, o oficial de enlace, queda no campo base do Hidden Peak. Ibrahim desprázase con Xesús e con Toni ata o campo base do Broad Peak. O equipo que portan se reduce a comida para unha semana e dúas tendas. Disfrutan dun día totalmente despexado de nubes. Só un xaponés e o seu carrexador de altura permanecen no campo base do Broad Peak. As demais expedicións retiráronse, despois da desaparición de Eric Scofier e o seu cliente tentando o cume cinco días antes. Tódalas expedicións abandonaron sen facer cumio. Nada máis subiron a expedición suiza e un membro da expedición irlandesa a primeiros do mes de xullo.
4 agosto
Ibrahim regresa ó campo base dos Gasherbrum. Toni e máis Xesús ascenden ó campo III do Broad Peak, con intención de ascender ó día seguinte á cima.
5 agosto
Amanece con moi mal tempo. Deciden esperar no campo III.
6 agosto
Máis do mesmo. O tempo semella empeorar: o forte vento e a neve son os seus compañeiros de descenso ata o campo base. Pola tarde desprázanse ó veciño campo base do K2.
7 agosto
Pasan o día no campo base do K2, na compaña do grupo español. Aquí a xente anda un pouco desmoralizada co clima. Ningún grupo pasou do campo III e dispoñen de poucos días.
8 agosto
Voltan ó campo base do Broad Peak. Aínda que o tempo continúa igual, queren subir para o campo III e tentar a cima en canto apareza o primeiro día bo.
9 agosto
Esperan no campo base un pequeno indicio para subir.
10 agosto
Anque pola noite choveu, amanece cun día desprovisto de nubes no Broad Peak. Ás 8 da mañá soben cara ó campo III. Despois de descansar e comer algo, ás 11 da noite emprenden a ascensión ó cumio, acompañados por unha noite estrelecida.
11 agosto
Ó alborexar, preto da portela (7900 m), as nubes e o vento fan acto de presencia. A pesar diso continúan, coa esperanza de que sexa algo pasaxeiro. Esperan no desfiladeiro un sinal. O frío atenázaos e as nubes permanecen sobre as súas cabezas. Deciden volver ó campo III; despois de durmir algo, soben durante unha hora -cos sacos e algún equipo- ata chegar a un lugar onde se topan cunha tenda que debeu pertencer a Eric Scofier. Pola tarde parece que o tempo mellora.
12 agosto
Ante o mal trago da noite anterior, deciden esperar ás primeiras luces para decidir se volven intentar hoxe o cume. Amanece como nunca; a penas hai nubes no horizonte. Cren que esta é a súa oportunidade. Ás 6,10 da mañá percorren o camiño do desfiladeiro. Acertaron: é o mellor día de cume que disfrutaron nun oitomil. Ás 12,45 chegan arriba. Máis tarde decataranse de que só pisaramos a cima secundaria. Non lles importa. Regresan á tenda, recollen todo e continúan ata alcanzar unha tenda que hai por debaixo do campo III e que debeu pertencer a algunha expedición que se retirou con apresuramento.
13 agosto
Baixando ó campo base crúzanse co xaponés e co seu carrexador de altura, que soben para o campo III. Achéganse ó campo base do K2 para despedirse da xente, pero todo o mundo anda polos campos de altura. Non obstante, disfrutan da hospitalidade do cociñeiro do grupo español.
14 agosto
Un trekking de españois que está acampado en Concordia aproxímase ata o campo base do Broad Peak, onde andan eles. Xesús e Toni recollen o pouco que lles quedaba no base e baixan co grupo ata Concordia.
15 agosto
Novamente o mal tempo faise patente. Na compaña do trekking de españois, achéganse a Ali Camp, para cruzar o día posterior o paso de Gondogoro La. Só dous grupos máis aventuráronse a ir con eles. Os demais grupos que estaban en Concordia prefiren regresar polo Baltoro. Algún espera a mellora do tempo en Concordia.
16 agosto
Debido a que persiste o mal tempo, meditan non cruzar o Gondogoro La. Finalmente decídense a facelo. Ás 9 da mañá están ó outro lado, en Huspang. O cheiro da herba húmida espeerta neles unhas sensacións esquecidas.
17 agosto
Despídense do grupo do trekking, co que compartiron mesa durante tres días, e baixan directos a Hushe. A metade de traxecto encontran a Karim, que sobe cun trekking. Abrázanse, saúdanse con afectuosidade. Karim deixa o trekking e regresa con eles a Hushe, onde agardan por eles Amer e Ibrahim.
18 agosto
Desprázanse en jeep ata Skardu.
19 agosto
Ven que é tarde para ir ó Nanga Parbat. Dálles mágoa non ir a un monte para o que pagaron un permiso, pero a climatoloxía non é boa e, ademais, non teñen moito diñeiro. Todo indica que a aventura toca ó seu remate sen que se cumplira o ano.
20 agosto
Chegan os españois do K2 e convídanos a baixar xuntos ata Skardu.
21 agosto
Viaxe de Skardu a Gilgit.
22 agosto
Traxecto de Gilgit a Rawalpindi.