Cumio do Hidden Peak

Diario de montaña

11 xullo (1998)
     Toni e Xesús marchan para o campo I do Hidden Peak. Crúzanse cos seus compañeiros, que baixan do Gasherbrum II para o campo base. Xulián xa desistiu de tentar o cume.

12 xullo
     Durante a noite, o mal tempo esvaecese e dá paso á inestabilidade. Neva case toda a noite. Xesús e Toni deciden regresar ó campo base.

13 xullo
     Álex, Fausto, Félix e Xulián volven para casa. Xesús e Toni esperan no campo base o bo tempo.

14 xullo
     Espera no campo base.

15 xullo
     Ás 4 da mañana, cos agoiros do cambio de tempo, encamíñanse ó Hidden Peak. En menos de cinco horas pisan o campo II (6400 m).

16 xullo
     De novo as nubes e a neve retenos alí, xunto doutros grupos.

17 xullo
     Na noite a neve e o vento son os seus acompañantes. Deciden baixar ó campo base ante este novo empeoramento. As nubes son tan densas que a penas se ve máis aló de vinte metros.

18 xullo
     Alborece completamente clarexado. Os ingleses que quedaran no campo II intentan subir ó campo III, pero resúltalles imposible dada a gran cantidade de neve amontoada. Xa non lles queda tempo e mañá teñen pensado baixar. Visto que é necesario deixar descansar a parede uns días, Toni e Xesús deciden ir ó campo base do K2, onde acampa un grupo de españois. A eles preguntaranlles se o seu permiso inclúe o ascenso ó K2.

19 xullo
     Ó pasar polo campo base do Broad Peak, ven a catro expedicións que están intentando esta montaña. No campo base do K2 saen de dúbidas e coñecen que non dispoñen de permiso para ascendelo. Pasan a noite alí.

20 xullo
     Regresan ó seu campo base. Nestes dous días mellorou o tempo.

21 xullo
     Na alba emprenden o camiño ó campo II do Hidden Peak. No mediodía comezan a chegar unha vez máis as nubes.

22 xullo
     Anque a climatoloxía non é todo o boa que calquera desexaría, deciden subir ó campo III na compaña dun grupo de xaponeses. Perto do estreitamento da canal, uns 500 metros por enriba do campo II, deciden dar a volta, ante a gran cantidade de neve en po que constantemente cae por eles. Observan como no veciño Gasherbrum II hai xente que está subindo cara a cima, pero axiña as nubes arrodéanos. De volta ó campo II volven montar a tenda. Pasa case toda a tarde nevando.

23 xullo
     Durante practicamente toda a noite neva. En vista da manchea de neve xuntada no corredor dos xaponeses, deciden baixar ó campo base.

24 xullo
     Na noite tamén neva no campo base, pero pola mañá semella que a dirección do vento cambiou. Sopra do Norte, o que debería traer o bo tempo.

25 xullo
     Ás 4,30 da mañana encamíñanse ó campo II, a onde chegan ás 9,30. De novo atopan a varios grupos. Un deles chegou tamén hoxe desde o campo I. Pola tarde volven aparecer nubes. Toni e Xesús agardan que sexa algo pasaxeiro, xa que teñen intención de saír esa noite cara ó cumio. Ás 10 da noite, xunto ós tres xaponeses dos días previos, saen para a cima. Os xaponeses van para o campo III.

26 xullo
     Ás 2 da madrugada alcanzan o campo III (7000 m). O vento sopra con bastante forza e as nubes agachan todo o firmamento. A penas ven. Deciden esperar na tenda que aquí teñen montada os xaponeses e cando amaneza pensarán que facer.
     Ás 4,30 da mañá vendo o palomo que teñen sobre eles, deciden regresar. Os xaponeses soben sacos e comida para quedarse. Ás 6 da mañá están xa na tenda do campo II. Pasan todo o día durmindo.

27 xullo
     O Hiddem Peak amañece cun fungo de nubes como sombreiro. O firmamento está secuestrado por esas nubes. Unha vez máis volven baixar ó campo base.

28 xullo
     Xornada de espera.

29 xullo
     Ás 4,40 saen de novo para arriba. Desta volta pretenden subir dunha tirada ó campo III, coa idea de agardar uns cantos días alí, á expectativa de calquera progresión, por mínima que resulte, na enleada climatoloxía. Chegan ó campo III ás 2 da tarde. Desmontan a tenda do campo II. Crúzanse cos xaponeses que subiran con eles días antes. Un deles ten unha pierna rota; o outro está subindo nese momento á cima. Outro grupo de xaponeses que subiu o día anterior está no campo III. O resto de expedicións (alemáns, norteamericanos e holandeses) ocupan o campo II.

30 xullo
     O vento e a neve da noite fanos desistir de subir este día, así que pasan todo o día durmiñando como leiróns.

31 xullo
     Ás 2,30 da madrugada escóitase ós nipóns que saen para o cumio . Hora e media máis tarde saen Toni e Xesús. Adiántanos ó comezo da canal. Ó despuntar o día observan que o firmamento está totalmente despexado; por embaixo deles, un mar de nubes esconde grande parte das montañas.
     Ás 9 chegan ó cumio e contemplan como o mar de nubes empeza a subir con lixeireza e axiña estará sobre eles. Baixan e topan outra vez cos xaponeses, que a penas percorreran a metade do traxecto. Con eles soben o alemán Peter e o seu compañeiro Tony. Os xaponeses aparentan subir en moi mal estado.
     O tempo empeora e a Toni e a Xesús cústalles traballo atopar a tenda do campo III. Finalmente dan con ela, desmóntana e continúan baixando, seguindo o rastro das cordas fixas do corredor, porque a visibilidade é nula. Despois de beber un pouco de líquido que lles ofrecen os holandeses, continúan camiño ata o campo I, acompañados por Reiders, un dos membros do grupo de Peter. Alí chegan ás 6 da tarde.

1 agosto
     Outra vez co ceo cuberto de nubes e baixo dunha nevada intermitente, baixan ó campo base cargados con todo o equipo. Era a despedida do glaciar dos Gasherbrum.

2 agosto
     Amanece con bo tempo; o vento vai do Sur. Empaquetan todo para que o leven os carrexadores, a quen acompañarán Ibrahim e o oficial de enlace.
     Comunícanlles que desde hai dous días non hai noticia algunha sobre o paradoiro dos xaponeses e que Tony -o compañeiro de Peter- rompeu unha perna, o que lles imposibilita para facer cima.


Voltar ó índice da axenda
© Copyright 1999, Equipo Desafío 8.000.
Reservados tódolos dereitos.
Sitio deseñado por Canal Dous Multimedia.
Contactar
Créditos
inicio proyecto top proyecto expedición tecnología agenda galería prensa patrocinadores productos about om om om izq der top