Intento ó Kangchenjunga
Diario de montaña
11-20 febreiro (1998)
Trámites para o permiso do Kangchenjunga.
21-22 febreiro
Viaxe en autobús ata Gopetar.
23 febreiro
Contratación de carrexadores en Gopetar.
24 febreiro
Comeza a aproximación, conxuntamente cos carrexadores, de Gopetar a Sinam.
25 febreiro
De Sinam a Kebang. Ó igual que na aproximación ó Manaslu, nesta tampouco hai lodges.
26 febreiro
Chegan a Yampuding, último pobo desta aproximación. A meirande parte dos carrexadores marchan e teñen que volver a contratar xente.
27 febreiro
Busca de novos carrexadores.
28 febreiro
De Yampuding a Angi Khola (2300 m).
1 marzo
No medio dunha mesta vexetación, camiñan pola ruta que vai de Angi Khola a Torontan (2950 m).
2 marzo
Os mestos bosques de bambús e rododendros deixan paso ás coníferas. Chegan a Tsaram (3800 m).
3 marzo
De Tsaram a Ramge (4580 m). Os carrexadores non queren continuar. Ata aquí cobraran 250 rupias/día; agora pídenlles 2500 rupias para continuar dous días máis ata o campo base do Kangchenjunga. Non teñen cartos para lles pagar tanto. Convéncenos para que leven todo o equipo durante dúas horas máis, ata Oktang (Deurali). Dormen en Ramje.
4 marzo
Soben de Ramje a Oktang (Deurali) co resto do equipo e montan o campo base.
5 marzo
O bo tempo que disfrutaran durante toda a aproximación marcha. A partir do mediodía comeza a nevar.
6-7-8 marzo
Agardan a chegada do bo tempo. Realizan conexións en directo para varias cadeas de televisión españolas.
9 marzo
O glaciar do Yalung, por onde hai que ir para chegar ó campo base real (Tumba Apache), atópase con moita neve. Deciden aclimatarse nun monte veciño. Suso e Toni ascenden ata os 5500 metros.
10 marzo
Toni sobe a dormir a 5700 metros. Parece que o tempo quere abrir.
11 marzo
Toni baixa ó campo base (Oktang). Xesús principia coa busca do camiño polo glaciar para chegar ó campo base verdadeiro.
12 marzo
Álex e Toni marcan con fitos o camiño polo glaciar.
13 marzo
Continúan marcando o glaciar cos fitos.
14 marzo
Xornada de descanso.
15 marzo
Coas mochilas cargadas con aproximadamente 30 kg., nas que carrexan comida e material, Xesús e Toni, chegan a preto do campo base real (Tumba Apache).
16 marzo
Alcanzan o campo base (Tumba Apache) -para eles o campo base avanzado- e instalan alí unha tenda.
17 marzo
Realizan o primeiro recoñecemento da ruta. Soben a 5900 metros. Regresan a durmir a Tumba Apache.
18 marzo
Voltan ó campo base (Oktang) para recoller o resto do material.
19-20 marzo
Xornada de descanso.
21 marzo
Progresan co resto do equipo ata Tumba Apache (5400 m). Acompáñaos Yelu, o sherpa, para axudalos a portar.
22 marzo
Equipan e sinalizan a ruta ata o campo I (6200 m). A neve atópase en moi boas condicións e progrésase con celeridade. Yelu retrocede ó campo base.
23 marzo
Novamente ponse a nevar. Esperan unha posible mellora.
24 marzo
Durante toda a noite neva, amoreándose unha capa de máis de 40 cm. Deciden regresar ó campo base (Oktang). O glaciar é un calvario, está intransitable: o que normalmente lles leva catro horas, agora lévalles once.
25-26-27 marzo
Esperan a chegada do bo tempo. Tódalas tardes neva.
28-29-30 marzo
Xesús e Álex continúan agardando no campamento base. Toni retrocede ata Torontan e regresa despois a Oktang baixo unha forte tormenta de neve. En Tsram atopa a unha expedición de eslovenos que pretenden subir para abrir unha ruta no Jannu (Kumbakarna Este).
1-2 abril
Continúan esperando a mellora do tempo. Os eslovenos tamén teñen problemas cos carrexadores de Yampuding e deciden instalar o campo base con eles.
3 abril
Como tiña pinta de que o clima melloraba, deciden marchar a Tumba Apache para durmir alí. A Oktang chega unha expedición tibetana que tamén desexa escalar o Kanchenjunga.
4 abril
Toni e Xesús soben a durmir ó campo I (6200 m). A neve non está en tan boas condicións como cando subiron da primeira vez, pero eles estiman que se pode subir perfectamente.
5 abril
Sinalizan e abren a ruta ata preto dos 6900 metros, moi cerca do plató superior, lugar no que se soe instalar o campamento III. Tras marcar a ruta voltan ó campo I para pasar a noite.
6 abril
Desmontan a tenda do campo I e soben durmir a 6900 metros. Debaixo do muro vertical que dá acceso ó plató superior -como sempre, pola tarde- neva un chisco. Realizan unha conexión en directo coa Televisión de Galicia.
7 abril
Desmontan a tenda e deixan equipado o muro de xeo. Dormen a 7300 metros. Pola noite as nubes cúbreno todo. Pensan en saír a medianoite, pero finalmente deciden esperar ó amencer.
8 abril
Ás 5.30 da mañana póñense en marcha cara á cumbre. Despois dun tempo, decátase de que soben moi a modiño, sobre todo el. A 7900 metros dílle a Xesús que é mellor dar a volta. Xesús quere aproveitar esta oportunidade e decide continuar el só. Á altura da forca, a uns 8300 metros, pequenas molestias na cabeza obrígano a volver. Pouco despois reúnese con Toni na tenda; o camiño de descenso fíxoselle complicado, debido a que as nubes lle tapaban toda a visibilidade.
9 abril
Pasan unha mala noite a 7300 metros. Deciden baixar ó campo base e volver a intentalo días despois. Ese día chegan ata Tumba Apache (5400 m), onde quedan a durmir.
10 abril
De volta ó campo base crúzanse primeiro cos eslovenos, que se están a aclimatar, e máis tarde cos tibetanos, que teñen instalado o campamento base na metade do glaciar, a medio camiño entre Oktang e Tumba Apache. Tamén eles tiveron problemas cos carrexadores.
11-12 abril
Recupéranse descansando no base. Chega Fausto Di Stefani, un italiano que tamén vai subir ó Kangchenjunga. Este vai ser o seu último oitomil para completar os catorce que hai no mundo.
13 abril
Toni e Xesús soben de novo a Tumba Apache e dormen alí, pero danse de conta de que aínda non están recuperados.
14 abril
Xesús e Toni deciden volver ó campo base.
15 abril
Toni baixa a durmir a Tsaram (3800 m). Xesús queda con Álex no base.
16 abril
Toni volve ó campo base. O tempo empeorou: neva tódalas tardes.
17 abril
Esperan en Oktang.
18 abril
Toni, Xesús e Álex soben a Tumba Apache. Alí coinciden con Fausto e os tibetanos que montaron no lugar o seu base avanzado.
19 abril
Xesús e Toni soben a 6400 metros, tramo no que é costume instalar o campo II. Montan unha tenda que lles prestou Fausto Di Stefani e dormen alí.
20 abril
A forte nevada da noite fainos desistir de continuar. Baixo a neve, retroceden ata Tumba Apache; alí reúnense con Álex e continúan os tres para o campo base. Non parou de nevar nin un momento en todo o día.
21-27 abril
Álex regresa a Galicia. Toni e Xesús esperan que cambie o tempo.
28 abril
Por enésima vez soben a Tumba Apache (5400 m). Pola noite empeora o tempo novamente.
29 abril
Esperan en Tumba Apache a mellora do clima.
30 abril
Amanece cun tempo excelente. Tanto os tibetanos coma Fausto soben a durmir ó campo I. Xesús e Toni continúan ata o campo II, onde deixaran instalada a tenda de Fausto o día 19. Cando chegan alí non atopan nada. O único que permanece son as pegadas dunha avalancha que o soterrou todo. Na tenda tiñan toda a comida para a ascensión, a cociña de campo e outros materiais. Aparecen as dúbidas. Toni tenta continuar ata a tenda que teñen a 7300 metros. Xesús dá a volta e baixa a Tumba Apache a por outra tenda e comida. Toni percátase de que é perigoso e casi imposible continuar en solitario, polo cal decide dar a vuelta e volver ó campo I, onde os tibetanos acaban cedéndolle un espacio para durmir.
1 maio
Xesús volve subir cunha tenda e comida. Montan a tenda no campo II.
2 maio
Xesús e Toni emprenden a ascensión para chegar ata a tenda que teñen a 7300 metros. Pero un desprendemento de placas, con Toni enriba, dálles un bo susto e deciden que hai que instalar cordas fixas para progresar con seguridade. Pídenlles cordas ós tibetanos. Equipan 400 metros de corda fixa e regresan a durmir ó campo II.
3 maio
soben ata los 7300 metros. Outra vez teñen que equipar a parede de xeo; Fausto e dous tibetanos acompáñanos ata os 7100. Cando chegan a onde montaran a tenda o día 9 de abril non atopan nada. O vento fixérase cargo dela. No seu interior tiñan os monos de pluma e outros materiais. Regresan ó campo II coa intención de non volver a subir. Despídense de Fausto e dos tibetanos e seguen ata Tumba Apache. Fáiselles tarde para ir ó Karakorum. Antes precisan ir a Galicia para buscar cartos.
4 maio
Desmontan a tenda de Tumba Apache e, cargando todo o que alí teñen, regresan ó campo base. No camiño encontran ós eslovenos, quen tamén dan por rematada a súa expedición. A parede que querían abrir estaba en moi malas condicións.
5 maio
Desmontan o campo base e ás 11 emprenden o regreso a Katmandú. Yelu e Lakpa baixarán ó día seguinte cos carrexadores. Toni e Xesús dormen preto de Angi Khola.
6 maio
Despois de 15 horas de camiñada continua chegan a Gopetar. Pola noite chove intensamente. Cren que o tempo irá a peor, aínda que máis tarde coñecen que a partir de mediados de mes chegarán 20 días de bo tempo seguido.
7-8 maio
Viaxe en autobús a Katmandú.
9-10 maio
Regreso a Galicia.
12-30 maio
Busca do presuposto necesario para ir ó Karakorum.