Intento ó Manaslu
Diario de montaña
11 decembro-1 xaneiro (1998)
Estancia en Galicia
2 xaneiro
Voan novamente en dirección a Nepal.
3 xaneiro
Chegada a Katmandú. Ademais de Álex, Xesús e Toni, viaxa tamén Quino.
4 xaneiro (1998)
Katmandú. Últimanse os detalles para ir ó Manaslu. O permiso é compartido cunha expedición basca.
5 xaneiro
Toman o autobús para Ghorka. Lakpa, o cociñeiro, leva dez días esperándoos en Sama co resto do equipo.
6 xaneiro
Comezan a aproximación. Acompáñaos Yelu, un amigo sherpa, que xa estivera xunto deles en Langtang. Chegan a Arughat Bazar, vila situada á beira do Burhi Gandaki.
7 xaneiro
Sen carrexadores, realizan a aproximación con rapidez. Soben de Arughat a Machha Khola. O camiño discorre sempre á beira do río Burhi Gandaki. En Machha Khola, o río forma unhas pequenas pucharcas de augas quentes.
8 xaneiro
Realizan a etapa ata Ekle Batti. O bo tempo acompáñaos tódolos días, ó contrario que nas anteriores aproximacións. Esta a penas está preparada para o turismo e case non ten lodges.
9 xaneiro
De Ekle Bhaatti a Namrung. Malia ser inverno e despois de caer unha nevada tan forte un mes antes, a neve semella estar bastante alta. En Namrung encontran as primeiras neves.
10 xaneiro
Chegan a Samagaón (3500 m), que achan totalmente cuberta pola neve. Lakpa leva quince días esperando a chegada deles.
11 xaneiro
Na compaña de 25 carrexadores soben ó campo base (4800 m). Alí xúntanse cos irmáns Iñurriategui e con Josu, quen chegaran ó mesmo tempo que Lakpa.
12 xaneiro
Xesús e Toni soben a montar unha tenda ó campo I (5800 m) e regresan posteriormente ó campo base.
13 xaneiro
Quino e Toni baixan a Samagaón. Álex e Xesús quedan no base.
14 xaneiro
Álex e Xesús soben a durmir ó campo I. Toni sobe ó campo base, mentres que Quino permanecerá en Samagaón.
15 xaneiro
Álex e Xesús baixan ó campo base. Ás cinco da tarde Quino chámaos polo walkie-talkie para lles comunicar que sofre estraños problemas físicos (edemas, esgotamento...), anque non sabe a que é debido. Toni baixa e atopa a Quino en moi mal estado: case non é capaz de falar e non se pode ter en pé.
16 xaneiro
Despois de tomar durante toda a noite moito líquido con sales, pola mañá Quino semella estar recuperado. Yelu baixa para permanecer ó seu lado, ata que decida que vai facer. Toni sobe para o campo base.
17 xaneiro
Xesús e Toni soben a durmir ó campo I. Quino aparenta atoparse mal novamente. Álex descende Samagaón á tardiña.
18 xaneiro
Xesús e Toni regresan ó campo base. Solicitan un helicóptero para evacuar a Quino. Xesús baixa a Samagaón. O helicóptero chega ó mediodía para desprazar a Quino ata un centro médico de Katmandú. Acompáñao Álex. Xesús volve subir ó campo base.
19 xaneiro
Xesús e Toni soben doutra volta ó campo I (5800 m).
20 xaneiro
O mal tempo fainos regresar ó campo base.
21-22-23 xaneiro
Esperan no base unha mellora do tempo.
24 xaneiro
Toni e Xesús soben de novo ó campo I.
25 xaneiro
Toni e Xesús ascenden ó campo II (6800 m). Durante a noite zoa o vento, forte e constante. Dormen moi mal.
26 xaneiro
Regresan ó campo base.
27 xaneiro
Descanso no campo base.
28 xaneiro
Toni e Xesús ascenden directos ó campo II. Outra vez goberna o tempo malo: neva durante a noite toda e a partir dos 7000 metros o vento cifra con moita forza. Os bascos dan por rematada a expedición e regresan a Katmandú.
29 xaneiro
Con moi mala visión, envurullados entre as nubes, baixan ó campo base. O descenso lévalles tres veces máis do que soe ser habitual.
30-31 xaneiro
Agardan no campamento base a mellora do tempo.
1 febreiro
Crendo na chegada do tempo estable, progresan ata o campo II. Na parede hai gran cantidade de neve.
2 febreiro
Unha vez máis neva pola noite. Deciden esperar no campo II unha lixeira mellora.
3 febreiro
Continúa nevando. Conveñen en regresar ó campo base. Na baixada apercébense de que a parede se está poñendo en condicións moi perigosas. Realizan un descenso laborioso e chegan ó campo base xa de noite.
4 febreiro
Descanso no campamento base.
5 febreiro
Ante o mal tempo continuado e dadas as perigosas condicións que presenta a parede, deciden marchar. Soben a recuperar o material, pero non son capaces de pasar do campo I. A tenda que se atopaba alí desaparecera; estaba totalmente cuberta pola neve. Despois dunha hora logran desenterrala.
6 febreiro
Desmontan o campo base e baixan a Samagaón cos carrexadores, que subiran para levar o equipo.
7 febreiro
Xesús e Toni emprenden o regreso a Katmandú. Lakpa e Yelu baixan na compaña dos carrexadores. Pasan a noite en Deng.
8 febreiro
Xesús e Toni descenden de Deng a Machha Khola.
9 febreiro
Machha Khola - Arughat. Desde Arughat toman un camiño diferente ó elexido para chegar a Tharapani.
10 febreiro
En Tharapani, toman un autobús a Katmandú. Chegan pola tarde á cidade, onde Álex leva cerca dun mes esperando por eles.